Translate

jueves, 10 de diciembre de 2015

Remate do ano

Ao longo destes últimos meses, fomos anoando unha madeixa de entradas onde resumiamos as navegacións da tempada do verán pasado. 
Imos continuar coa serie para completar unha escolma de imaxes coas que rememorar o esforzo do tecido asociativo que segue imperturbábel por manter vivo e dinámico un patrimonio marítimo que doutro xeito, tan só existiría na desmemoria de libros cheos de traza e nos mares de lousa dos interiores museísticos, tan escintilantes como as mentes que os iluminan, tan aburridos coma barcos varados na mallante. 





Deixábamos a anterior entrada coas imaxes dunha illa de Sálvora que nos acolle sempre co seu silencio apracible e nos despide co asubío dunha serea remexendo a brisa do mar para enchernos a vela dun vento maino que nos enche de recollemento. Retomamos agora esta viaxe retrospectiva polos portos de Bueu e Combarro para logo recalar no Grove e rematar en Cambados no VII Memorial Tito Silva.






Porto de Bueu
XIX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu.

 
Flota dos Galos de Bueu. 2015

 A Asociación Os Galos leva xa dezanove edicións da súa xuntanza de embarcacións tradicionais, un fito que tan só se comprende polo traballo anónimo e xeneroso dos seus integrantes. Nótase a experiencia da súa xente en detalles da organización e sobre todo na acollida que dispensan a todos os que por alí se achegan, sen dúbida por que saben perfectamente que a xente que se despraza cun barco a unha concentración, non vai polo bocadillo nin na procura dunha camiseta, senón a compartir vivencias e a amosar o traballo de cada ano na recuperación e mantemento das embarcacións. 

Este ano, a chuvia tamén quixo facer acto de presencia pero non por iso deixamos de navegar nin tampouco desluciu a botadura dunha nova embarcación que engadir á flota de embarcacións tradicionais, neste caso unha dorna de tope rescatada da desfeita que finalmente regresou ao mar da man dos Galos mesmo fronte a carpintería de ribeira de "Purro".


Botadura da dorna de tope "Roiba". Praia da Banda do Río. Bueu. Agosto 2015. (Imaxe: Faro de Vigo)

 
Acompañando a botadura:
 


    






































Noraboa a Asociación Os Galos de Bueu..., adiante







Porto de Combarro
XX Concetración de Embarcacións Tradicionais de Combarro


E si os de Bueu levan dezanove edicións, os amigos do Clube Mariño "A Reiboa" cumpriron os vinte anos da Concentración de Combarro (lembrar que as primeiras edicións foron organizadas pola Asociación de Veciños Boureante) e ao igual que os de Bueu, tampouco tiveron moita sorte co tempo, e unha fronte fodona deixou a flota amarrada o venres e o sábado pola mañá e non foi até a tarde, cando a maioría dos patróns decidiron poñer os barcos a escorar e as tripulacións a facer banda entre Combarro e Marín bordeando a illa de Tambo. 





  


Galeón Luisa. (imaxe anónima)


E coma se cumprían os 20 anos da Concentración, os organizadores montaron unha exposición de maquetas de barcos e outra fotográfica lembrando todo este tempo concentrado en imaxes de barcos e xentes...., lembrazas.





Imaxe da Muller de Balboas navegando xunto a Peça de Rabo. Ano ?


Pero sen dúbida, unha das mellores cousas destas concentracións, son as travesías tanto de ida como de volta ao porto de orixe. neste caso, excelente navegación de regreso a Cambados cos amigos do Clube Mariño Salnés. 


  
 
 













Logo de Combarro e Bueu, regresamos á Ría de Arousa onde proseguimos coas navegacións, a Aguiño, Palmeira, Rianxo..., para finalmente asistir á cita local co Memorial Tito Silva e finalmente acompañar ao Amigos da Dorna Meca na Concentración de Clásico do día do "Pilar" , xa no 12 de outubro.



VII Memorial Tito Silva
Asociación "As Joritas" de Cambados 

Inda que non o pareza, xa chegamos á sete edición deste Memorial que ademais, por primeira vez, os organizadores queren que coincida coa 1ª Festa Mariñeira que dou os seus pasos pola rúa Isabel II do Cambados vello.

Foi nun día de néboa pechada, onde os membros do Clube Mariño Salnés tivemos a dificultade engadida de ter que gabear pola porta do pantalán para acceder aos barcos, cousa que é así dende fai un par de anos, onde se nos privou de calquera posibilidade de amarre legal. (Aproveito a ocasión para reivindicar AMARRES para a Flota de Embarcacións Tradicionais de Cambados).


 













En todo caso, foi un día especial de navegación, non só pola néboa, senón porque o Rana estaba a rebentar de xente, medio Clube Mariño Salnés a bordo, entre eles algúns socios especiais, coma Pilar, que embarcou por primeira vez.

 
Pilar


Pero tamén outros estrearon o Rana: Saúl, Xan, Raul..., en fin un feixe de xente, que disfrutaron dunha regata distinta cunha néboa que obrigou á tripulación a ir moi atenta coas bateas que aparecían sen avisar a escasos metros da proa. 


 





 
  










vídeos:











 E no remate, visita ao estudo do pintor Lino Silva, un bó amigo do Clube Mariño Salnés (socio de honra) e un ilustre veciño da Rúa Isabel II, onde a organización agasallou aos participantes cun xantar dentro da 1ª Festa Mariñeira.





E de momento máis nada, déixovos algúns vídeos de navegacións por Rianxo, Aguiño..., e na marxe dereita, outros máis longos como a volta de Combarro, ou da concentración de barcos clásicos do Grove.












De remate:

Aproveito a ocasión para felicitar á Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial polo premio da Cultura Galega 2015 no apartado "Patrimonio Cultural", un merecido galardón para tanta suma de ilusións e vontades, porque a Federación para min non é máis que iso, o piorno onde se vai gardando o grao que aporta cada un..., se cadra tamén é coma un palleiro que medra cada ano co traballo das asociacións ao seu redor, entidades que van poñendo un pouco de cada porto na despensa común.

Parabéns a todos e que a FGCMF siga a ser a imaxe do esforzo colectivo e nunca un fato de nomes propios que impidan a libre circulación do vento que fai mover esta nave común chamada Federación Galega que ten por apelidos o de Marítima e Fluvial..., non fai falla máis.

jueves, 26 de noviembre de 2015

SORTE DE NADAL DO CLUBE MARIÑO SALNÉS

Gran Sorteo de Nadal do Clube Mariño Salnés


Imaxe da cesta no Bar "A Traíña"
Este ano, o CMS fixo unhas rifas para sortear unha cesta de produtos locais e unha travesía en dorna e poder así recadar uns cartiños para manter as nosas dornas lustrosas e activas. 

En casa rifa (1 euro), podes xogar catro números e o gañador será aquel que coincida coas catro últimas cifras do 1º Premio da Lotería de Nadal do 22 de decembro de 2015.

E se non tocase, non tirar os boletos porque faremos un 2º sorteo no bar A Traíña, en vivo e en directo na véspera de Aninovo.











A cesta pódese ver no Bar A Traíña e podedes comprar rifas alí mesmo, tamén no bar A Fonte do Viño e como non, se atopades a calquera socio ou colaborador do CMS.




 Agardecementos ás entidades colaboradoras

Sorte e Bo Nadal  

jueves, 15 de octubre de 2015

Memorias e lembranzas II: Sálvora


Continuamos esta serie de relatos das travesías deste verán pasado, lembrando unha das catro viaxes á illa de Sálvora que fixemos no Rana este ano. A primeira, cun grupo de amigos convidados polo meu fillo Mauro, realizada alá polo mes de xullo.

Tripulación: Nandi, Isabel, Alex, Liam, Mauro, Quico + eu.







Memorias e lembranzas II: Sálvora

Preparando a saída:








A navegación:

 Moi boa travesía con vento frouxo pero suficiente para facer avanzar o barco e poder ir relevando a caña entre toda a tripulaciòn. Vento perfecto para navegar con nenos e cunha tripulación que quere disfrutar do mar sen sobresaltos.


Na caña Nandi (nai de Alex)



Alex trincando a trapa








Sálvora xusto na proa.


 Chegamos e coma sempre, o primeiro é saudar á Serea e logo tomarse un bó baño.
 








 








Se ben, meu fillo Mauro ten un xeito particular de facerse notar nada máis desembarcar en calquera sitio:
























Logo do xantar, emprendemos a marcha para facer a ruta do Faro partindo dende o Almacén:


Vistas dende o Almacén (antiga salgadeira)


  















 












 
O equipo: Mauro, Santiago, Liam e Alex


O Faro:





Sinalando a Pagar, onde afundiu o vapor-correo Santa Isabel en 1921










Isabel (nai de Santiago)

 ... de volta ao Rana, atopámonos co garda da illa, "a besta que domina o roteiro do Faro, o mesmo que atormenta a aquiles que furtivamente levan cousas da illa que non lles pertencen". Ben, iso foi o que lles contei aos repaces para facerlles entender que cando visitábamos unha ílla do Parque Nacional das Illas Atlánticas (coma calquera outro Parque Natural), non se podía nin deixar nin levar nada que non fose noso. Pouco caso me fixaron e mesmo o meu fillo, logo da filípica, contestoume que quería levar a cabeza do cabalo para poñela na súa habitación..., criaturiñas!  





   

Alex posando co garda da Illa mentres Mauro manifesta a súa decepción por non poder levar un "souvenir".


E tiven que pasar todo o camiño de regreso explicándolle de novo, porqué non se podía interferir coa natureza, que tiñamos que ser respetuosos co Parque, que patatín, patatán..., nin caso. Se cadra cando sexan maiores o entenderán. (ou non!). En todo caso, tratamos de desfrutar da paisaxe







































E chega o momento de partir, de afastarse pouco a pouco dunha illa misteriosa, enigmática e máxica, que sempre deixa un pouso de inquietude, coma se unha parte de ti quedase alí para sempre petrificada como a serea ou a alma do cabalo repousando sobre a ponla dunha árbore no camiño do faro..., se cadra son certas as vellas lendas celtas e un anaco de nós, debe quedar en prenda cada vez que visitamos esta illa onde habitou Forcadiña, a filla do Rei dos oestrymios.

Despido esta entrada con imaxes de regreso a Cambados deixando por popa a preciosa Illa de Sálvora. Até a seguinte entrega e un saúdos a toda tripulación:
















 Até a próxima.

(imaxes: Isabel Gonzalez Avión)