Translate

lunes, 30 de mayo de 2011

Barcos a flote

O pasado venres fumos a parar á ría de Vigo, cadraba no tempo a visita co salón NAUVigo 2011, comentáronnos que a parte de exposición en Cotogrande non era gran cousa (por non falar de que este ano era mitade salón náutico e metade salón de golf, curiosa enxagua), polo que diriximos os nosos pasos á mostra de barcos a flote.
A primeira impresión foi bastante cativa, un pantalán practicamente deserto, e de madeira case nada, as embarcacións alí expostas eran algún veleiro de charter e varias lanchas grandes coma mundos, de segunda mán e á venda.
Tamén se podían visitar nesta mostra a flote as embarcacións feitas pola Escola Obradoiro Mar de Vigo: a traiñeira Vig05 e o galeón Coruxo, perfectamente atendidos por varios alumnos do obradoiro.

Na prensa estes dias anunciaron moito a presencia deste barco, o Misericordia, célebre por ser un dos barcos empregados na grabación da serie Piratas, que se emite en Telecinco. Decimos un deles, porque tamén participaron un número de embarcacións de asociacións da FGCMF, como foron as dornas, a xeiteira e a buceta da ACD Dorna, ou o Nuevo Sofía da AC Rabandeira. Pero debe ser que este barco é no que navegan os bichasos da serie.
Os propietarios son unha parexa de orixe polaco, moi amables e agradables, que nos comentaron que trouxeron a embarcación do porto de Almerimar, en Almería. E que pretenden conservalo do mellor xeito posible; comentaban tamén que o barco empregouse na grabación para as tomas do seu exterior xa que grabar abordo sería moi complicado polas súas dimensións.Tamén estaba no mesmo finger do pantalán o Raquel C, o antigo pesqueiro Abuelos, reformado para buque-escola da Escuela de Vela O Grove. Tamén houbo algún xornal que se enleou ao falar de estes dous barcos: para clarear as liña porpoñemos o clásico xogo das 7 diferencias na fotografía que está xusto enriba destas palabras.

A todo esto, a mostra a flote foi na Marina Davila Sport, nun dos seus pantaláns, que se atopan a un lado da marina seca, onde como podedes comprobar: hai de todo.