Translate

miércoles, 17 de noviembre de 2010

Barcelona 2010

O pasado venres chegaba o meu vuelo barato a Reus, logo de unha hora e pico en bus desembarquei en Sants, onde os amigos Joan Sol e Jaume Amengual, amantes da cultura mariñeira (do Mediterráneo) e blogueiros coma nós, me recolleron para ir ao Salón.

A Sara na entrada á Marina Traidcional

Adentrámonos na Fira, un inmenso mar de neumáticas e motores foraborda de gran cilindrada, ata chegar ao espazo Marina Tradicional. O máis chamativo e visitado da Marina Tradicional, e de cáseque todo o Salón Naútico, foi a Dorna Sara, que formaba parte da comitiva de embarcacións que aportaba a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira AGALCARI ao devantito espazo. Foron centos de persoas as que se interesaron por esta embarcación e a admiraron por dentro e por fora.

Imaxe do stand da FGCMF

O X Encontro
Parte importante deste sector do salón era o stand de promoción do X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - Carril 2011, on
de a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial informou e publicitou a celebracion deste evento entre os asisitentes e no que tomaron parte algunhas das entidades sociais e administrativas que conforman a Comisión Organizadora do X Encontro, como son a AC Rompetimóns, o Concello de Vilagarcía de Arousa ou as Mulleres Rurais Cortegada de Carril.

Braulio atendendo a unha galega afincada en Barcelona

Todos eles participantes activos na presentación do evento que se fixo no mediodía do sábado, coas intervenciós de Victor Fernández, Dolores García e Miguel "Petín". Ao remate da mesma houbo ameixas de Carril á mariñeira ascachar e pola cara (advertencia: en Barcelona faise cola para todo, canto pa máis para as ameixas).

Un intre da presentación do X Encontro

Barcelona Conection

A asistencia mesma da FGCMF ao salón náutico dan fe da boa relación existente cos colecivos do Mediterráneo desde hai anos atrás, xa que no ano 2004 claro tamén se celebrara nas instalacións do Consorci El Far a presentación do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia-Cambados 2005, ano no que o Mediterráneo foi convidado de honra.

A Marina Tradicional vista desde a Sara

No 2006 a Federación tamén participou na Festa do Mar de Barcelona, e a diversas edicións anteriores do Salón Naútico. Noutras ocasións establecéronse relacións cos responsables de emblemáticas embarcacións de aquela costa como son o Sant Ramón ou o Sant Isidre, que tamén contaban con stand nesta edición.

Unha das 3 potas de ameixas de Carril

Digno de mención e recoñecemento é Josep Antón Trepat, curmán do noso Trepat, encargado de organizar e coordinar o espazo da Marina Tradicional do Salón, o seu traballo antes e durante os días de celebración desta 49 edición foi encomiable, xa que non só se trataba dos stands, senon que tamén houbo charlas, coloquios e incluso un concerto da Orquesta del Mar. Graciñas Trepat!

Jaume Amengual dándolle ás uñas

Participativo
Cabe destacar que a zona dedicada á Marina Tradicional, seguramente fora do máis participativo dos dous pabellóns que este ano desplegaba o Salón. Alí nos reuniamos galegos, vascos, andaluces, valencianos, cataláns, maiorquíns, canario
s, irlandeses... e eran moitos os stands que ofrecían activiades participativas, desde facer cerámica nun torno, interpretar un plano naval de liñas de auga, pasando polos obradoiros de nudos do Jaume Amengual, ata ver como se construía un curragh in situ, que a falta de coiro levou un forro de lona sintética (Nota: o currag rematárono o domingo e probárono na piscina da vela lixeira, e tamén probaron a auga despois de volcar!)

jueves, 4 de noviembre de 2010

ONS


“O par de vacas, o xugo de bois e a dorna eran as bases da economía do fogar da illa”.
(Stefan Mörling, 2006)





ARQUIPÉLAGO DE ONS
(Illas Aones)


Foto: Rafael Padín ("O Jato")

Dato:
“No ano 1965, Ons contaba con 78 casas habitadas cun total de 485 habitantes, sendo a agricultura e a dorna (contábanse 34) os principais medios de vida. Había tamén nove barcos de motor de arredor de 9 metros de eslora que triplicarían o numero en pouco máis de dous anos. A falla de abrigo para estes barcos sería unha das causas do despoboamento total da Illa”. (Las embarcaciones tradicionales de Galicia).


Mörling fai este comentario sobre o modo de vida das xentes da Illa de Ons a mediados do século XX, xusto antes de que empezase a despoboación e con ela, o abandono do campo, da horta, da casa, o mar e a dorna:


Foto: carro abandoado polo camiño do Canexol. Ons 2010.


Foto: casa abandoada. Ons 2010.


Foto: dorna estragada. Ons 2010.


Remontémonos un pouco antes:

Os primeros indicios de poboadores en Ons corresponden a asentamentos da cultura castrexa na Idade de Bronce (2600-900 a.C.). O mais coñecido está por riba do barrio do Canexol e coñécese polo nome de Castelo dos Mouros.


Foto: ruinas do Castelo dos Mouros


Foto: Machado de Talón. Idade de Bronce. Museo de Pontevedra

Se ben, poidera ser que na Illa, existise presenza humana permanente dende moito antes, se temos en conta as representacións de arte rupestre espalladas pola Illa:











En todo caso, e vindo un pouco máis para acá no tempo, o primeiro documento escrito sobre a illa de Ons atopámolo no ano 899, cando o Rei Alfonso III doa a “Isla Aones” ó Cabildo Compostelano.



Foto: Mapa da época do Catatro do Marques da Ensenada. Século XVIII. Concello de Sanxenxo.


A pesares das incursión e ataques de sarracenos e vikingos, na illa estableceuse un Mosteiro no século XV do que xa non queda ningún vestixo. Ao mosteiro asóciase un sepulcro antropomorfo que se conserva nun illote na praia de Area dos Cans.

Outras fontes, apuntan tamén a posibilidade de que o sepulcro correspondese cun sistema de axustizamento, obrigando a permanecer no interior durante o tempo que durase o catigo, a aqueles que atentasen contra a orde establecida polos representantes dos gobernantes da Illa, nobles e cregos. (Paula Ballesteros Arias. Laboratorio de Patrimonio. CSIC. UCS).


Foto Paula Ballesteros. Arqueoloxía dunha paisaxe cultural: A Illa de Ons. Charlas lanzadeiras (Noalla) . Agosto 2010.


Dende finais do século XVI a illa sufreu constantes ataques de piratas e corsarios ingleses o que que provocou unha paulatina fuxida á costa dos poboadores de Ons. Por isto, no 1810, a illa fortifícase e ainda quedan os restos de duas fortalezas, una no barrio de Pereiró e outra perto do muelle, coñecida como "Castelo da Roda".


Foto: Vista dende o Castelo da Roda. (Parque Nacional Illas Atlánticas)

O aumento da seguridade permitiu a repoblación e o Estado cedía terreo para o seu cultivo a cambio dun canon. Nos anos 1835-1840 instalóuse a primera fábrica de salazón na Illa o que provocou un aumento da actividade pesqueira.

Durante todo este tempo, as disputas entre nobles, cregos e o Estado polo control e propiedade da Illa son evidentes, e despois de varias repoboacións, sobre todo de xente procedente do Morrazo, os descendientes da familia Montenegro a venden no 1919 a Manuel Riobó Guimeráns por trescentas mil pesetas. Durante este tempo os habitantes pagan á familia Riobó una renda polas vivendas e están obrigados a venderlles todo o polbo que pescan. Esta economía de autosuficiencia completábase coa agricultura e a gandeiría.




Fotos: S. Mörling.

Efectivamente a illa estivo completamente cultivada, sobre todo a cara sur, mais rica e abrigada que a norte.


Foto: Mörling. Ons 1964.

Aínda hoxe pódense apreciar cultivos e as terrazas (ou sucalcos)para traballar a terra .... e aínda quedan os piornos.






Fotos: millo, sucalcos e piorno. Ons 2010.


Didio Riobó Bustelo (fillo do que a comprara no ano 1919), comercializaba todo o polbo que se pescaba a través da empresa Isla de Ons S.L., e case todas as capturas ían para Bueu, onde os conserveros cataláns se fixeran “donos” da zona. Iniciada a Guerra Civil, Didio Riobó foi delatado por masón ao bando nacional, aforcándose un día de outubro do ano 1936. Tiña 46 anos.

Despois disto, a illa pasou a ser controlada por un dos conserveiros cataláns de Bueu, Gaspar Massó, obtendo grades beneficios desta xestión (din que foi este mesmo o que delatou a Riobó).

No ano 1943 o Estado de Franco expropia a illa aos Riobó aducindo razóns de “defensa estratéxica militar”, mentres os conserveiros seguen explotando a riqueza pesqueira.

Ó rematar a II Guerra Mundial decae o interése pola situación estratéxica e a Illa pasa ó Ministerio de Agricultura e se decide realizar o barrio actual perto do muelle, onde se edifica una iglesia e varios apartamentos para a clase gobernante(todo cunha arquitectura moi lonxe da propia da illa e algunhas edificións nunca se chegan a empregar).




Foto: Lavadoiro da Entenza. (Obra Social del Movimiento)


Foto: casas construídas en terrazas.


Despois doutros traspasos, en 1978, Ons vai para a Consellería de Agricultura da Xunta de Galicia. Nos últimos anos, a familia Riobó decide prevalecer os seus dereitos de titularidade da Illa aducindo que a expropiación realizada con fines militares nunca foi executada.
Despois de varios procesos, os tribunais dan a razón a familia Riobó, polo que a Xunta de Galicia ten que acadar un acordo dinerario para poder manter a propiedade pública da Illa.



Foto: Onza vista dende o mirador de Ons. (Arquipélago das Ons. Parque nacional das Illas Atlánticas)


Desembarco de Ons:

Ben, hoxe, e dende o ano 2002, o Arquipélago da Illa de Ons, pertence ó Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, e somos moitos os que dende ai uns poucos anos, decidimos dar por conluída a temporada de navegacións estival, acudindo ó DESEMBARCO DE ONS que coordinan (por decir algo) os compañeiros de Bueu e Portonovo, se cadra descendentes lonxanos daqueles primeiros poboadores que deixaron riscadas as tonas das pedras “Aonas”.


Foto: saíndo para Ons. Na proa Sálvora.


Foto: mar de fondo chegando á boca da Ría. Con de Nor na amura.


Este ano, como o desembarco de Ons coincidiu co I Memorial Tito Silva, tivemos que cambiar o plan de sair pola mañá cedo e non foi até as 20.30h., cando puxemos por fin proa a Salvora. Para entón afrescaba o vento de carallo, e as previsións eran aínda peores para a noite e por fora da Ría. Aquí vos deixo un video coa Illa de Ons na proa, xa con pouca luz e sen posibilidade de coller rizos xa que ibamos coa vela de regata.




O caso é que as 22.00h estábamos fronte o muelle de Ons, xa era noite. Estabamos tan cansos e as condicións de vento e mar eran tan malas que nin sequera tentamos poñer o pe na Illa. A durmir fondeados.
Ao día seguinte, as cousas aínda se puxeron peor e non foi até medio día cando poidemos coller a neumática e ir a terra.
Como cambiou a cousa: o que eran caras larjas, ajotadas, esfameadas, sen grórea nen fé ..., trocaron en todo o contrario nada máis poñer o cú na de Checho pa lapar unha de polbo á Illa, café, copa e caroço. ¡Que barata é a felisidá!.

Despois chegou a despedida para a nosa entrañable Toco. En procesión festeira fumos a acompañala até o Castelo da Roda, onde se esparexeron as súas cinzas.
Ata sempre Toco.

Pola noite, como non, festajaiteiradaquetecriou.


Foto: en 1º plano Simón (Jaiteiro Canhero)

Xa no día seguinte, puxemos rumbo de volta e coma todolos anos, a xente non quere chegar a terra, así que a darlle un rodeo por fora de Salvora, Vionta, Sagres, Aguiño....


Foto: así de triste quedou o actual alcalde de Ons ó despedirmonos.



Foto: Ao comandante Cubeiro algo non lle chista


Foto: Agora pasa de nos e mira pa Salvora.


Foto: Toño "O Cesteiro" e Gerardo non ven as cousas claras.


Foto: xa en Aguiño topamos cunha buceta xeitosa das que levan viveiro a bordo e van coller o bolo aos da raspita.


Ben, ai que ir pechando, non sen lembrar á tripulación do Rana na travesía a Ons 2010:
Gerardo, Cubeiro, Rafa, Toño "O cesteiro", e máis eu.
Coma todolos anos, un verdadeiro pracer.
Para o vindeiro anos máis.

jueves, 30 de septiembre de 2010

O ARTICO

Na entrada anterior deste blog, realizada por Lino Prieto con motivo do 2º Encontro de Embarcações Tradicionais do Río Lima (Viana do Castelo), aparecía unha imaxe do GIL EANNES acompañada de texto onde se relata de xeito resumido o seu periplo vital. Esa imaxe lembroume a figura dun mercante, o ARTICO, o cal non cheguei a ver, pero gardo na memoria moitos relatos narrados por meu pai, ademais desta foto que conservo con especial coidado.


Foto: O Artico. Capetown.1966
Buque frigorífico construído polos asteleiros de Elcano (Sevilla). O seu nome orixinal foi "Tropicana" e tiña 125, 13 metros de eslora, 17,3 de manga e 11,3 de puntal.

Sobre o Artico, meu pai comentaba, con moita nostalxia, que fora con moito o mellor mercante no que navegou, era o ano 1966 (no que nacín eu), xusto cando o concepto da Mariña Marcante empezou a cambiar radicalmente: os recortes presupuestarios das grandes compañías (sobre todo bilbaínas como por exemplo "Antonio Menchaca Cía."), a competencia de custes coas bandeiras de conveniencia e a contratación de tripulacións de paises con nula formación marítima, cambiaron para sempre o xeito de entender o mar e a navegación ..., por suposto os barcos también cambiaron.


Foto: Mercante a vapor "Cilurnun". Propiedade de Antonio Menchaca e Cía. 1939


Foto: Vapor Iberia. Bilbao 1920
Botado no ano 1.901 polos asteleiros Northumberland Shipbuilding Co. Ltd. de Howden, Newcastle on Tyne, e bautizado como Mercedes, para a compañía Christie & Co. de Londres.


Foto: Anotación no Diario de Navegación de Eduardo López Padín. Vapor Iberia. Viaxe Leixoes-La Habana. 1924.
Meu tioavó fixo estas anotacións un ano despois de que o Vapor fose comprado por Sainz e Inchaustegui e renomeado como Iberia.



Un ano antes (no 1965), meu pai aínda navegaba no Alonso de Ojeda, da empresa nacional “Elcano” de la MM, desde onde tomou distintas fotos como a do Bahía Gaditana, un barco enorme da época que contrasta coa faquía doutros barcos que se podían atopar nas travesías naquel mesmo ano.


Foto: Mercante "Bahía Gaditana". Port Said. 1965.


Foto: Mercante "Alonso de Ojeda". Leixoes. 1965

Algunhas fotos tomadas dende a cuberta do Alonso de Ojeda:






Foto: Buque escola. Mar Báltico


Poucos anos despois tocoulle navegar no MARGARA, un cascarón comparado co flamante Artico, e onde teño os meus primeiros recordos a bordo dun mercante. O barco era xa unha reliquia para a época: mantiña un goberno de roda no exterior, cuberta de madeira, botes salvavidas de tingladillo, sencillas adegas e unha fermosa bitácora, amáis dun mobiliario precioso do que conservo algunha peza como un reloxo de fabricación inglesa marca Smiths Astral.









Depois viría o LUCHANA botado no ano 1963 é propiedade de Naviera Bilbaína, onde papei algún verán da miña adolescencia en compañia de meu pai. Anos despois escoitaba pola radio que un mercante de nome Luchana se afundira fronte as costas de Gijón nunha noite de mércores do mes de xaneiro do ano 1986 (ese mesmo ano estaba previsto o seu desguace). Para entón lucía pavillón nixeriano e esa noite perdéronse tres vidas.


Foto: O Luchana en porto. Na imaxe o gran cociñeiro vasco Patxi que sempre nos decía depois de servir as comidas: ¡Hai más!


Fotos: Luchana. 1970

Durante moitos anos o carteiro traía fotografías e postais de cidades espalladas polo mundo adiante que me facían soñar e me axudaban a gardar a impaciencia da chegada do verán e o final de curso escolar e poder ter a oportunidade de embarcar naqueles “Troula”, “Nuestra Señora del Carmen”, “Pola de Lena”, “Valfragoso”, nomes que non esquecerei xamáis..., sobre todo do Acuario, un fermoso mercante xemelgo do Géminis, onde realicei a última navegación mercante dende Casa Blanca a Barcelona, atravesando un gran temporal até cruzar o estreito.








Foto. Mercante "Valfragoso". Golfo de Botnia. 1973


Foto: NS del Carmen II. 1974


Foto: NS del Carmen II. "Yan.Suf". Sudáfrica. 1974



Foto: Mercante "Pola de Lena". Lago Eric. Welland Canal.1979


Foto: "Pola de Sena". Río San Lorenzo. Canadá. 1979

Todos eses veráns quedan xa moi lonxes, e revisando estas fotos me invade un sentimento de contrariedade, como si un reloxo da miña vida se parase para sempre, como o Smiths do Margara, e non podo deixar de pensar como sería a miña vida se non me desviara do rumbo previsto.

Foto: eu de meniño na ponte do Luchana.
(Nota: non vale reirse)

Como curiosodade, esta foto de 1970. Vos sona?




Material:
fotos: Joaquín López Blanco (Capitán da Mariña Mercante)
diario de navegación: Eduardo López Padín (Capitán da Mariña Mercante)
webs: www.vidamarítima.com ; www.buques.org