Translate

viernes, 31 de octubre de 2008

CHEJOU O VENRES

Hoxe é Venres: imos pechar esta boa semana que nos dou de todo un pouco, sol e chuvia, vento e calma chicha, momentos de soidade e tempos compartidos. Unha semana onde nos enteramos que, no medio dunha crise mundial de alimentación (seica din por aí que tamén lle afecta ós banqueiros) un tercio da pesca mundial vai pola borda. Cousas deste mundo.

Pero hoxe é venres e toca persoeiro da semana. Case tiña que facer esto todos os días, porque son tantas as persoas que merecen un recoñecemento por ter traballado e aportado o seu tempo, o seu saber, as súas gañas ou simplemente a súa ilusión. Ben, como diría Kubeiro “déixate de mariconadas e acaba dunha ves”, esta semana remata como empezou, cun recoñecemento a un colectivo calado e que pouco sae nas fotos.

O persoeiro da semana é a Asociación A Remadoira

Persoeiro da semana: ASOCIACIÓN A REMADOIRA

Barcos da Remadoira en San Gregorio.2008

Foi unha asociación que vin por primeira vez en Combarro, seica empezaban daquela. Nos anos seguintes voltaban a verse en outras concentracións, cada vez eran máis pero a verdade e que nunca lle prestara moita atención porque semellaba que desaparecían ó chejar a terra. Caladiños e sen faser ruído foron recuperando toda unha flota, ensinándolle a xente a coñecer os barcos vellos da pesca, a cultura arredor deles, a coidalos, a navegar e a traballar dentro dun colectivo. Imaxino que tamén terán problemas porque “cada casa é un mundo”, máis os resultados están aí e esto non o regala ninguén, e froito do traballo, a constancia e moita convicción.

Luísa e Ramón moitas gracias por facilitarme a historia da Belida e convidarme a navegar nela este sábado (a ver o vento), e a todos os da Remadoira moitos folgos e adiante que levades bo corso.

nota: aproveito para enviarlle un saúdo tamén a este vello amigo, Gonzalo (o que está a bordo da Muller de Balboas con Isidro). Ese día que fun quitar as fotos ó pantalán da Remadoira en San Gregorio apareceu para entregar no Cetmar un excelente traballo da Universidade sobre o mexillón. Veu con Rosa e me acompañaron ate o pantalán, alí me deron a nova de que van ter unha criatura. Noraboa ...

Gonzalo, Rosa e a nena. San Gregorio. 2008

e máis nada, boa fin semana e ate o luns.

jueves, 30 de octubre de 2008

2ª entrega: 10 anos do Clube Mariño Salnés

Estes ultimos días andei enleado coa “Orixe da Belida”, que me levou de San Gregorio a Mörling e de aquí ate o acubillo do faiado da miña casa onde agora ando escaravellando en carpetas cheas de po e balor, abrindo correspondencia do meu avó de cando traballaba no Museo de Pontevedra. Facía anos que xa non andaba de “fuchicón” nas súas cosas, sempre me dou un pouco de arrepío andar a asexar a vida de alguén.

Ben, voltando a un tempo atrás pero máis para acá, retomo o resumo da historia do Clube Mariño Sales, ¿onde estabamos?. Ah si, no 2002

Ano 2002: foi o ano post-encontros de Poio 2001. Sempre houbo “pánico” ós anos seguintes á celebración dun Encontro. Non había bos precedentes. Se non que lle pregunten á Isidro Mariño como quedou despois da organización do Grove-97. Pero as cousas mudaran tamén nesto, e así o ano 2002 foi un ano cheo de actividades tanto para o CMS como para o entorno da Federación.

II Xuntanza de Embarcacións Tradicionais. Porto de Cambados 2002

Para o Clube Mariño Salnés foi o ano da celebración da II Xuntanza de Embarcacións Tradicionais” que naceran con caracter bianual, e polo tanto coincidía coa celebración da 3ª Regata do Albariño. O porto vello de Cambados voltouse a encher de barcos como xa sucedera coa primeira edición. Popularizamos os callos como “prato lixeiro” e, claro, así enchidos, a regata da tarde estivo caracterizada pola ausencia de vento (en plan siesta). Nestes casos dise que gañou o máis técnico, e ese día a regata a gañou Parada coa súa Fuxe. Procedemos á botadura da Muller de Balboas, a pobre non navegou nadiña e papou os días da Xuntanza fondeada, “a inchar”. Non importa, non seguintes anos esta dorna nos ten dado moitas horas de navegación e alegrías.

Isidro, Gonzalo e máis eu camiño do Grove con motivo da
botadura dos Galeón contruídos polos irmáns Garrido para o Náiutico de Sanxenxo.
O Grove 2002


Regata de dornas en Cambados


Por certo, (un inciso que lle chaman) onte mesmo pola noite tiven que ir na procura dunha nova tripulación do Clube que tiveron que amarrar “de urxencia” no Grove. A nortada e o cambio da hora foron as causas, (aparte da inexperiencia), pero o que importa e que esta dorna leva navegando dende abril sen descanso e neste ano formáronse dúas tripulación novas.

Voltando a ese ano 2002, rematada á Xuntanza comezan os problemas para o Clube. O esforzo da organización de actividades, xunto con problemas internos e o tempo adicado á Federación, deixaron un pouco tocado ó Clube, eramos unha asociación moi pequena e estábamos facendo un esforzo por riba das nosas posibilidades. Parecía que entrábamos nun punto de inflexión, pero decidimos tirar para adiante arroupados polo ronsel da Federación.


Para o conxunto da Federación foi un bo ano, e aínda que se puidera pensar que era un ano de certo descanso, non foi así. No Apupo de final de ese ano 2002, no habitual resumo da tempada, iniciábao así: “O calendario advertía que o 2002 non era un ano sabático e que a marea ía durar de marzo a outubro”. E así foi, porque houbo moita actividade e moito traballo, a Federación voltou a Arcachón e a Douarnenes. No primeiro caso para consolidar a amizade cos da Bahía de Arcachón e no segundo para promocionar ós vindeiros encontros, os da Illa de Arousa.2003. Dese ano teño moitas lembranzas, como a I Travesía das Letras Galegas organizadas por ACD Dorna, o retorno da Regata dos Faros no Grove, a regata da Parrocheira en Ferrol ou a botadura dos galeóns feitos polos irmán Garrido. Pero todo esto quedou enxurrado na memoria cando o 13 de novembro o Prestige entrou nas nosas vidas.

Galegos (FGCM) e vascos (Albaola).
Arcachón 2002 (meses antes do Prestige)

Ata mañán

martes, 28 de octubre de 2008

A BELIDA: chaves para atopar unha orixe. De San Gregorio a Mörling

O mércores da semana pasada achegueime ate o pantalán de San Gregorio (Bouzas-Vigo) onde teñen os barcos os da asociación A Remadoira, toda unha flota, museo vivo e flotante. Fun recibido por Ramón, propietario da Dorna de Tope Belida (nesta asociación a maioría dos barcos son particulares) que me dou unha lección/explicación sobre a historia de cada barco, o proceso de reconstrucción e o que representaba cada un deles para a Asociación.
Esta asociación é, ademais de outras moitas cousas, unha verdadeira carpintería de ribeira, e a golpe de aixola, serra e martelo teñen recuperado mais de 12 barcos tradicionais. Enumero algúns: bote de cesantes, dúas dornas, dorna de tope, gamela, anguleiro, .....

A REMADOIRA

flota da remadoira en San Gregorio.
Bouzas 2008


Unha tarde coa Remadoira

O estado en que se atopaban cada unha destas embarcacións recuperadas o podedes ver na súa web: remadoira.com. Impresiona. Tamén realizan novas construcción como o caso da dorna “

Ramón non se adica profesionalmente a esto, pero o oficio o leva no sangue. Con tan só dez anos xa se desenvolvía no taller de carpintería de ribeira da casa facendo arranxos e iniciando algunha construcción. O da Belida é simplemente incrible.

Non quero estenderme demasiado xa que o tema é falar da Dorna Belida, pero quedei prendado da súa forma de funcionamento. Aquí cando acometen un proceso de restauración ou nova construcción, deixan un prazo para que a xente se apunte. O traballo faise en horas libres e na fin de semana. O compromiso non é so facer ou restaurar o barco senón tamén o seu mantemento e amosalo, documentalo e sacalo a navegar. As persoas que se comprometen coa súa sinatura son os que teñen preferencia sobre a embarcación e os estatutos obrigan especialmente a manter cada barco en condicións (por exemplo teñen unha data para a subida de invernada e data de baixada). Por outra banda teñen unha política de non “alineamento” e ate o de agora non solicitaban ningunha axuda de ninguén. Esto mudou non últimos anos, xa que tanta flota significa uns gastos considerables e por iso teñen solicitado algunha axuda da Deputación para o mantemento. Ao concello simplemente lle piden un lugar para gardar e poder reparar os barcos.

É unha asociación que non está na Federación pero ten participado en Encontros dende Rianxo 99 ate Ferrol 97, pasando por Combarro ou Cambados. Precisamente no Encontro de Cambados 2005 e sendo eu aínda presidente da Federación tiven co presidente desta Asociación un “desencontro” por un artigo publicado na Web da Federación. Desto fai moito tempo e queda como simple anécdota e agardo que algún día esta Asociación atope argumentos que a leven a decidir o seu ingreso na FGCMF. Penso que sería unha gran aportación, como foi no seu momento a entrada da Cultural Dorna ou posteriormente a de Lajareu, que tamén costou o seu.

Centrándonos no que nos ocupa ¿É a Belida cambadesa?, ¿É unha das dornas de tope deseñadas polo meu avó Egidio López Padín?.

Seguimos debullando esta historia

DEBULLANDO A HISTORIA

Proa lançada

Ben, despois de ter escoitando atentamente a Ramón un bo cacho de tempo, alí chantados no pantalán mirando para a criatura cun norte que rachaba o cu-tis, chegamos á conclusión de que de momento non se pode determinar ó 100 % que a Belida fose unha das xemelgas das dúas que se fixeron no Pombal (Cambados) no taller de Alvarito “Lalo”. Pero na conversa xurdiron coincidencias e pistas clave.

Resumo algunhas cousas que afectan ó caso, as que son concordante e as que non:

1ª data de construcción:

- Ramón calcula que a Belida tivo que ser feira entre arredor do ano 1930.

- Eu calculo que se fose a de meu avó estaría construída entre o 1945 e 1947.

2º. Ano en que chegou a Vigo:

- Ramón despois de falar cos vellos da zona estima que foi nos anos 60 (ano arriba ano abaixo). Eles recollérona do fango no ano 2003. Para entón xa levaba uns 15 soterrada no fango. Só para extraela do fango sen danar o que quedaba da estructura tardaron 4 meses e precisaron da axuda de persoal especializado da escola Aixola. (O fango de todos modos axudou á conservar o que quedaba)

- As referencias que eu teño, despois de falar con algún vello de Cambados de que a dorna saíu de Cambados para Vigo na década dos 70.

popa pechada

detalle do afinamento do espello

descarga da cuberta

detalle da baixada na descarga de cuberta.

cuardenas, taboas de pardaquilla

Panel de meio

Seguimos>

4º. Medidas e características.

- Ramón tomou como referencia un plano en lámina dunha dorna de tope que aparece no libro de Stefan Mörlin “As Embarcación Tradicionais de Galicia, páxina 43, determinando que a Belida ten exactamente as mesmas medidas que a que figura no libro, esto é 7,20 m de eslora e presenta moitas similitudes constructivas (roda lanzada, manga, espello, etc..). De feito tomou este plano como referente para a distribución de espacios interiores (tilla, cadeira, bancada, paneis, fogonadura, etc.)

- As dornas do meu avó son exactamente de 7,20 de eslora e tiñan as características de proa lanzada, táboa de pardaquilla vertical e estreito espello de popa con moita inclinación do cuaño.


A CLAVE está no libro de Morling.

Lámina. "Las Embarcaciones Tradicionales de Galicia"
Steffan Mörling. pax. 43

Ó chegar a este punto e escoitar a Ramón facer esta referencia ó libro de Mörling, pensei inmediatamente, aquí está a clave. No apartado III Fuentes y Fábulas, (pax 39 a 43), Morling reproduce unha ilustración que Mariano de la Paz empregou en 1869 para a descrición científica da dorna. Seguidamente comenta:

Sorprende que Padín (Egidio López), en 1945 reprodujera la lámina sin comentarios. Padín que, en su estudio alabó las lineas de las dornas de El Grove, debería haberse dado cuenta de que la prespectiva torcida de la vista lateral no era el único detalle extraño de esta representación gráfica”.

Ben a mín, sorprende aínda máis, xa que o estudio do meu avó o que fai referencia Morling (publicado na Revista General de La Marina en 1945) describe as dornas de escarva. Tamén sorprende que empregase esta lámina, e non concibo erro ningún na interpretación do plano por parte do meu avó, experto maquetista naval, excelente realizador de planos de barcos pola súa facilidade, coñecementos e estudios de debuxo lineal (ademais de bo debuxante e pintor). Tampouco se concibe o comentario de Mörling comparando a Graells co meu avó describindo a este “más cerca de la realidad de la dorna”, cando meu avó construíu entre os anos 1945-1947 dúas dornas de tope, e dirixiu outros proxectos de construcción de barcos. (noutra ocasión falarei desto).

Agora estou revisando toda a documentación do meu avó daqueles anos, incluído o orixinal que se publicou no 1945 na Revista General da Marina e que no seu día, entreguei copia do mesmo a Morling como agasallo con motivo da homenaxe realizado en Bueu no ano 2006. Ese mesmo día da homenaxe, recibín o aviso de que meu pai acababa de ingresar no hospital e pouco despois falleceu, pero naquelas moitas tardes de hospital, tiven tempo dabondo para falar con él destas cousas que lembraba moi ben, porque ademais de mariño mercante, meu pai foi continuador da obra do meu avó sobre todo na recuperación de planos e realización de maquetas (aparte de manter a longa liña mariña da familia)

Para o que nos ocupa, "a orixe da Belinda", o sorprendente é a coincidencia da referencia de Ramón da Remadoira a esta lámina e os apuntes de Mörling relacionando estes planos co meu avó. Esto como vedes se complica pero as coincidencias xa empezan a ser en si mesmas, as claves para atopar a orixe da Belinda.

por hoxe ate aqui.



viernes, 24 de octubre de 2008

HOXE VOLTA SER VENRES

Dorna Belida
San Gregorio. Bouzas. 2008

ESTA SEMANA, estuven coa xente da Remadoira para resolver a "Misteriosa orixe da Belinda" e xa vos aununciei que necesiato un tempo para contrastar datos. Queda a cousa aprazada ate a semán que ven. Así ten máis emoción. No tema do aniversario do Clube Mariño Salnés non é doado resumir en tan pouco espacio e tempo toda unha década de actividade, así que a semán seguinte será a 2ª entrega.

Durante a semana e a través da historia do CMS fixen unha viaxe no tempo, un ollar de esguello ó pasado máis inmmediato. Vivimos con tanta presa que o de onte xa está reseso. Pero non poderemos chegar a comprender nada si non temos un momento para ollar o tempo arredor de nos. O persoeiro desta semana non é unha persoa atemporal, todo o contrario, é un home deste tempo, do outro e do que virá. Quería reservar a esta persoa para unha ocasión máis lustrosa, pero o "xok" que me dou velo na prensa diante do Presidente Touriño na Festa de San Froilán precipita a elección do persoaeiro de hoxe.

O Persoeiro da semana é: CAO de Combarro.

CAO

nota de prensa. Cao convidando ó presidente da Xunta a unhas filloas.
O San Froilán. Lugo 2008

Coñecín a Cao mesmo no ano 1999 cando empezamos a celebrar as reunións da Comisión Xestora da Federación na casa de Isidro en Dena. Aínda que non era membro da Comisión de xeito “formal”, viña acompañando a Paco Paxaro dende Combarro e para nos era coma un máis. Foi fundador da Asociación de Veciños “Boureante”, entidade socia da Federación antes da creación do Clube Mariño A Reiboa. Nos primeiros anos do novo século a buceta “A Boureante” e o galeón “Luisa” eran xa, coma agora, barcos que non faltaban a ningunha cita e eran das principais estrelas dos peiraos. O ano previo a celebración do V Encontro de Embarcacións Tradicinais de Galicia.Poio 2001, desprazamos o lugar de reunión da directiva da Federación ate Combarro, á taberna de Canducho, que nos preparou na trastenda unha auténtica sala de reunións con lareira e todo. Nesas reunións estaba sempre Cao, porque agora era ademáis membro da Comisión Organizadora de Poio 2001. O éxito da cita de Combarro foi tal, que o a xente dos bares, restaurantes, e mesmo do Concello, nos decía aos da Federación que aquela Gran Festa tiña que celebrarse todos os anos alí en Combarro. Ben, o caso e que en Combarro xa se viñan celebrado encontros de embarcacións organizados pola Asociación de veciños A Boureante, si a esto sumamos o exito do Encontro Poio 2001 e a experiencia e o traballo acumulado pola Comisión Organizadora do Encontro Poio 2001, entenderemos que foi doado pensar darlle continuidade a todo aquel tinglado (non confundir con tingladillo), parindo a Festa do Mar que tería como actividade central ós encontros de embarcacións tradicionais organizados pola Asociacións Boureante a agora tamén polo Clube Mariño A Reiboa. Cao tivo un papel determinate para que esta Fesa do Mar se convertese en pouco tempo na primeira festa en importancia de Poio, e a pesares daquel ano de augas turbulentas do 2006 no que o Concello e a Asociación tiveron ou seus maís e o os seus menos, todas as edicións foron un auténtico exito, iincluída a última edición do 2008.

Agora este “armadanzas” de Cao, sigue cos súa teima de recuperar tradición e cultura para poñer a disposición da cidadanía un modelo de respeto e identidade. Foi durante a edición da Festa do Mar de Combarro 2008 cando me contou todo o que están a facer na nova Asociación Cultural que creou para a recuperación de actividades e costumes (maios, muíños, cociña, ....), explicoiume o seu labor cos escolares e a asistencias a eventos de intercambio cultural. Impresionante. Así en portada de prensa das Festas do San Froilán deste ano o atopo nun posto de elaboración de filloas artesanais diante do presidente da Xunta. A algúns gostaríalle a cousa ó revés, a Cao de presidente e a Touriño facendo filloas, pero o caso e que Cao sempre está onde ten que estar, na loita e a pelexa pola cultura e un mundo menos plastificado e máis auténtico.

Saúde compañeiro e agardo por esas filloas.

Cao na buceta "Boureante"

buceta A Boureante. Clube Mariño A Reiboa

Courrags da expedición "Saint Eflam"

Courrags Irlandes

Naque ano, os Encontros de Poio.2001 tiveron a particularidade de contar coa participación do proxecto "Sant Eflam" que tentaba reproducir a navegación en courrags (barcos de coiro) que os monxes das costas irlandesas e bretonas realizaban ate as costas galegas. Ate combarro chegaron navegando 3 barcos construídos neste proxecto, un deles vasco.

"Currags" en POIO.2001

Courrag vasco integrante da expedición Sant Eflam na travesía a Combarro 2001

O Râna na Festa do Mar. Combarro 06

O Râna navegando Combarro. 2006

Esta entrada estaba errada na data (gracias Lino). O ano que quería resaltar era o 2006 que foi cando existiron problemas de entendemento entre as entidades organizadoras. Agora xa semella superado, aínda que é certo que a gran cita de Combarro coa Festa do Mar, terá que saber compatibilizar os intereses económicos dunha Festa que medra e os intereses sen lucro das asociación culturais organizadoras da concentración de embarcacións tradicionais, que foi en definitiva o xérmolo para todo o que veu detrás.

jueves, 23 de octubre de 2008

XOVES. Cousas do día

Hoxe tiña pensado falar do caso da “Misteriosa orixe da Belida” (por fin puiden estar coa xente da Remadoira) pero agardo ate mañá para poder contrastar algúns datos.

Hoxe tamén quería iniciar un artigo/tema sobre a nova regulación e delimitación do dominio público marítimo terrestre que estes meses está dando tanto que falar. A semana pasada por exemplo desaloxaron a 20 familias de mariñeiras nas Baleares (non podo precisar o sitio porque estaba recollendo información e artigos de prensa deste tema), e mesmo se ten creado unha asociación para a defensa de afectados por esta nova lei. Con respecto a este tema vexo que no blog “el mar es el camí abre este debate e polo tanto a quen este interesado o remito a este blog. Calquera nova con este tema comentareina.

Así que hoxe seguirei co resumo do aniversario do Clube Mariño Salnés, que xa se está estendendo de máis e mañá abordarei temas pendentes (xa non sei como organizar o tema, falla o tempo)

XOVES. CONTINUAMOS. 10 anos do Clube Mariño Salnés

A dorna Coninha ó par da Biskine "L´mi Pierre".
Rosa, Javucho e máis eu á caña.
Normandía 2001

Os anos pasan con vento fresco

Ano 2001: Foi un ano marcado pola 5ª edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.Poio 2001 o cal foi moi especial para o CMS porque chegou o momento tan agardado de ver a Julicheira no mar. Ate última hora estivemos a dar ós últimos retoques, eu a correr dun lado para outro entre o taller de Paco e o stand da Federación na carpa dos Encontros. Pero estivo rematada a tempo para proceder a súa botadura o sábado de Encontros, facilitando a organización un grupo de gaiteiros para animar o rollo. Foi feita moi perto do Mosteiro de Poio, no taller de Paco Paxaro, e durante un ano a vimos nacer coa ilusión de ter a primeira dorna patrimonio propio do Clube.


A Julicheira a carón da Nsa.Sr. da Agonía. Poio 2001


Foi un ano de moita actividade para o mundo das embarcacións tradicionais que seguía o camiño de abrir portas na casa e tamén fora. A nova directiva da Federación, xa oficial, con Trepa de presidente, asumiu enviar unha delegación ate Arcachón, a onde me despracei con Isidro e a súa dorna “Pelexa”, convidados por Mari da Asociación Le-Couldey que coñeceramos en Douaunenez, o obxecto da viaxe era sobre todo pechar a súa participación en Poio 2001 e se podíamos establecer novas afinidades con outras entidades da Bahía francesa. A visita foi correspondida e os franceses desprazaron a Combarro unha exposición e unha “Pinasse". Tamén enviamos unha delegación á Illa de Tatihou (Normandía) convidados polo Museo da Illa con motivo da semana de Galicia como actividade enmarcada na exposición Vivir no Atlántico Norte. Ate alí levamos a dorna Coninha (Portonovo), estreamos a exposición O Patrimonio Marítimo de Galicia (realizada por Dionisio) e montamos un taller de cestería con Toño o Cesteiro, outro de redeiras con Rosiña de Portonovo, a exposición da escola “Mar de Vigo” coa súa directora Rocio, taller de cociña galega con Carmiña de “pulpeira maior” (xa viña de triunfar en Douarnenez 2000) e tamén levamos ós músicos dos Estalotes de Santiago integrados na organización que animaron roda a vila de Sant-Vaast con pasarúas de mañán, tarde e noite. (en canto teña tempo para escanear e aprenda a facer un albún colgarei fotos destas cousas)

Nese verán o Clube organiza tamén a 1ª Regata do Albariño de Dornas á vela e comeza o proxecto de recuperación da Dorna de Tope “A muller de Balboas”, que queríamos ter para a celebración da II Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Cambados que tocaba para o ano seguinte xa que este evento naceu coa intención de celebrarse cada dous anos.

Anécdota da viaxe a Normandía: Para desprazarnos dende a Vila de Sant Vaast ate a Illa de Tatihou embarcamos nun barco anfibio na praza da vila, o barco circula coma un auto máis, parando nos semáforos e todo; A nós facíanos moita gracia o tema, e aos “conductores-pilotos” do barco tamén. Despois descubrimos que eran os mesmos que tripulaban a preciosa Biskine “L´mi Pierre”¨.

Aquí vos déixao un enlace para ver o barco anfibio.

Por certo a Illa ten un Faro-Fortaleza precioso que se popularizou por ter saído en algunha aventura de Tintín (aínda que non lembro cal).

miércoles, 22 de octubre de 2008

Mércores. Seguimos: 10 anos do Clube Mariño Salnés

A Chouva intres antes da botadura.
Cabodeiro. Illa de Arousa 2000

Navegando cara un soño.

O CMS iniciou o século vogando con forza e o corso durou moito tempo.

ano 2000: chega a primeira dorna para o Clube, a “Chouva”. Esta dorna foi feita na Illa de Arousa arredor dos anos 50 e eu merqueilla ó cura de Vilanova que a tiña afundida no peirao. Restaureina na Illa de Arousa na do “Cubano” e despois leveina para a praia de San Tomé (Cambados). Foi o primeiro barco en representar a asociación naquel ano 2000, en Viana do Castelo, en Douarnenez 2000 e na I Xuntanza de Embarcacións Tradicionais. Cambados 2000. Aquelo ía collendo forza e tamén corpo e polo club sopraban os mesmos ventos portantes que turraban da Federación. Aquela Comisión Xestora saída de Rianxo comprometeuse nun principio a traballar na organización da expedición á Douarnenez 2000 e despois xa veríamos. Para este cometido xuntáronse á comisión outras persoas como Víctor Fernandez de Mariñeiros de Bouzas ou Oswaldo Dávila de Sodináutica, pero outras moitas persoas que aportaban o que podían, os nomes eran o de menos, eran tempos de traballo contra o reloxo e toda axuda era de proveito. Un día tivemos que asinar un documento oficial (durante meses asinábamos como Comisión Xestora-FGCM) e houbo que elixir ó representante da Comisión, Trepa colleu unha moeda e lanzouna ó aire, ti cara eu cruz. A sabiduría do azar foi providencial porque dende ese momento Trepa asumiu con decisión o temón daquela nave que medraba e se adentraba en mares complexos. O caso é que Douarnenez foi todo un éxito e conseguiu xuntar de novo ó tecido asociativo galego cun rumbo común e sobre todo prendeu de novo a ilusión.

Aínda con folgos, nada máis regresar de Douarnenez, o Clube Mariño ten a ousadía de realizar a I Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Cambados aproveitando que o groso da flota de barcos desprazados ate Bretaña ían descargar en Cambados. O soño facíase realidade.

Expedición galega coa dorna Chouva asomendo a proa. Douarnenez 2000

Pouco despois ven para Cambados unha dorna mercada en Aguiño, a segunda dorna para a asociación, a Fungona, que aínda que era de propiedade particular, igual que a Chouva, representaban ó Clube alá onde ían.

Rematada a Xuntanza de Cambados Paco Paxaro e Isidro Mariño comprométense á construír a primeira Dorna propiedade da Asociación, “A Julicheira” con axuda económica da Consellería de Pesca e que tería que botarse con motivo da celebración do V Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Poio 2001

A Julicheira en terra de Lemos. 2005


Mañán máis

martes, 21 de octubre de 2008

MARTES: SEGUIMOS (10 anos do clube mariño salnés)

Lancha do Xeito e "Burro" amarrados an Rianxo

Pasaron algunhas semanas dende a fin de Rianxo e recibimos efectivamente un sobre con información de "Dornenes", unha carta de invitación e unha folla de inscrición para asistir ás "Fettes Maritimes de Douarnenez 2000”. Para entón xa sabiamos algo máis do asunto. Non lembro o mes pero imaxino que arredor de setembro (+ ou -) dese ano 1999 recibimos outra invitación especial, esta vez para acudir a unha reunión da Federación Galega pola Cultura Marítima en Rianxo. As cousas estaban clarísimas, o seu presidente nese momento Dionisio Pereira anunciaba que a Federación estaba morta dende a celebración dos Encontros do Grobe (1997), sen directiva, sen cartos, sen actividade ningunha, en fin que tan so existía no Rexistro de Asociacións. Sen embargo todos coincidían que a Festa das Tradicións Mariñeiras de Rianxo supuxera un canto para a esperanza. Santiago Páramo (Escola Xeiteira de Rianxo) pola súa banda lembraba/advertía que na cita de Douarnenez 2000, Galicia ía ser convidada de honra e que alguén se tiña que facer cargo deste reto. Un desconsolado Isidro Mariño (un dos pais da Federación) clamaba no ceo pedindo que todo o traballo que se desenvolvera dende o ano 93 non se podía botar pola borda sen máis. O caso e que alí mesmo iniciouse unha votación para saber si as asociacións alí presentes estaban dispostas a seguir adiante ou pola contra procedíase á liquidación e extinción da Federación. Aquela dramática votación tivo abstencións, votos en contra e tamén votos a favor, entre eles os do Clube Mariño Salnés que si ben non eramos socios, permitíusenos votar porque aquelo tiña que ser entendido como “cousa de todos”. Por moi pouco gañou a continuidade da Federación e inmediatamente pasouse a nomear unha comisión xestora que se encargase de facer o que puidera. Como a xente xa se levantaba e empezaba a marchar, non se escoitaban moi ben os nomes integrantes desa comisión xestora que se improvisaba no momento. Pareceume escoitar Clube Mariño Salnés pero foi Uxio sentado ó meu carón e representando a ACD Dorna (tamén votou a favor a pesares de non ser socia) o que me dixo "parece que vos chaman". Aínda non finalizara a reunión pero a xente saía apresurada. Cando marchou todo Díos, Isidro reuniu aos que dende aquel momento ían tirar da Federación. Sen comelo nin bebelo alí estaba eu, representando ó Clube Mariño Salnés como membro da comisión xestora da Federación, cando unhas horas antes apenas sabía o que era. Nesa Comisión estaban unha mestura de “veteranos” con “recen chegados”. Entre os veteranos Isidro Mariño (Dorna Meca) e Paco Paxaro (Asoc. de Veciños Boureante) e entre os novos Xabier Trepat (Amigos da dorna de Portonovo) e mais eu (CMS). Hoxe case todo o mundo coincide en que ese momento foi o da refundación da Federación e o importante para o caso é que este Clube insignificante e pequeno estaba aí, e a partir de aquí todo cambiou.

Anécdota da xornada: mentres se daba conta daquel informe dramático sobre a situación da Federación, un home de aspecto estrafalario con gorro de pompón clamaba dende a última fila sen que ninguén lle prestase atención "e os barcos, o importante son os barcos,... quen os vai coidar...". Era Paco Bicho de Bueu, un dos fundadores dos Galos de Bueu, e que un dia decidiu ir navegar a outras latitudes (nota en obituario Ardentía Nº 3)
mañán máis.

lunes, 20 de octubre de 2008

LUNS. CMS

Preparándonos para levar o Rana e A Muller de Balboas a Cambados
Muelle de Portonovo. 2008

O venres pasado estiven griposo así que non puiden nin resolver a misteriosa orixe da dorna Belida nin tampouco poñer o persoeiro da semana. Así que esta semana terei que compensar un pouco estas cousas. Para empezar, este mércores vou tentar quedar cos da Remadoira para conseguir datos da dorna de tope. E esta semana vai estar adicada ó Clube Mariño Salnés porque está de aniversario.

10 ANOS DO CLUBE MARIÑO SALNÉS


Agora que xa remata a tempada e as dornas se gardan para invernar, toca facer traballo de inverno, pero tamén repaso do ano para avaliar como foi a cousa. Pero antes vou facer un breve repaso desta asociación que naceu no ano 1998 e polo tanto cumpre 10 anos de vida, con moitos altos e baixos, pero en todo caso unha historia peculiar que vou a resumir dende a miña óptica e en clave doméstica.

Ano 1998-1999. así empezamos

No ano 1998 nace oficialmente esta asociación co obxecto de que Cambados tivese un clube de vela tanto lixeira como tradicional. Se ben, o da vela lixeira nunca chegou a desenvolverse agás un curso organizado no primeiro ano de vida da asociación en colaboración con Alvaro Paz (Liceo de Vilagarcía). No seguinte ano sería un ano especial por moitos motivos. Primeiro porque a asociación decántase pola vela tradicional como principal actividade da asociación, así se organiza un curso de vela en dornas en colaboración con xente principalmente da Asociación Cultural Dorna da Illa de Arousa que desprazan ata Cambados dornas e monitores (Uxio, Parada, Pardavila, Cubano, Adelino,...). Nese curso xurde un compromiso directo cos barcos tradicionais e a cultura do mar máis próxima. Así organizamos unha exposición “Barcos de Dornas” con cadros do pintor vigués Costas Otero, fotografías de Xosé Raño e maquetas de barcos tradicionais de moitos afeccionados de Cambados ( Edesio, Lotiño, ....). Con motivo da exposición o pintor Lino Silva agasállanos cunha das súas montaxes da colección “bichitos de la Ría”, unhas recreación de “monstros” da Ría, metade nécoras, metade santiaguiño, cacho de centola e ollos de boi. Cousas de Lino. O noso bicho bautizámolo como Linosaurio e convertese na máscota do Clube. Coa organización do curso de dornas e da exposición, dámonos a coñecer e así recibimos unha invitación para ir a Rianxo a unha reunión de asociacións de embarcacións tradicionais. Nesa reunión coñecemos que se vai celebrar a 1ª Festa das Tradicións Mariñeiras organizada pola escola de carpintería de ribeira "Xeiteira" (con Santi Páramo á cabeza) e polo concello de Rianxo. Tamén descubrimos que existe unha Federación Galega de Embarcacións Tradicionais creada cinco anos atrás pero que estaba a piques de desaparecer sobre todo polo desgaste sufrido coa organización do III Encontro de Embarcacións Tradicionais-Galicia 1997 celebrado no Grove. Chega o verán e asistimos a Rianxo cun stand compartido entre o Clube Mariño Salnés e a Cultural Dorna da Illa. O Stand recrea unha taberna mariñeira que chamamos Dorna e para nos supón entrar nun novo mundo. Daquela chovera a cachón e pouco se navegou. No porto puidemos ver embarcacións como a buceta e o galeón de Combarro, a Meca do Grove, a nova Jorita de Cambados, dornas de ribeira, algun bote de Ferrol,... tamén a xeiteira Nova Marina (a primeira lancha do xeito recuperada na escola “Aixola” de Marín con plantillas tomadas dunha xeiteira de Caldebarcos soterrada no fango, proxecto de Isidro Mariño) e a Goleta Valle Inclán de Nacho. Pero a pesares da chuvia a montaxe en terra foi todo un éxito, alí estaba todo o que tiña que ver coa cultura marítima de Galicia naquel momento e que nos (os do CMS) descoñecíamos en absoluto ou polo menos eu. A Festa das Tradicións Mariñeiras de Rianxo foi un éxito, e para todo o mundo considerouse como a 4ª edición dos Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, organizados nas anteriores edicións ó abeiro da FGCM (daquela aínda non era fluvial). Esto foi así porque a maioría das embarcacións e asociacións presentes en Rianxo estaban integradas ou relacionadas con esa Federación de asociacións.

O PRIMEIRO CONTACTO CON “DORNENÉS”

Unha anécdota curiosa aconteceu naquela mítica taberna-stand “Dorna” en Rianxo. Chegaba o derradeiro día e queríamos pechar o stand cunha queimada pero non había onde conseguila, así que fumos pola calle preguntando quen podía vender. Un señor que estaba nun bar preguntounos que buscábamos e o enterarse que queríamos augardente para clausurar un stand da Carpa da Festa ofreceuse a levarnos a augardente pero coa condición de poder asistir coa súa dona e cuns amigos franceses. Era o alcalde de Rianxo. Alí presentouse coa augardente e a pota, coa muller e cos franceses. A queimada preparouna el mesmo e aí nos enteramos que os franceses eran os organizadores dunha Festa de Barcos Tradicionais que se facía en Francia, nunha vila chamada Dornenes ou algo así. Os franceses estaban alí para ver o da Festa das Tradicións Mariñeiras de Rianxo e porque no seguinte ano tiñan intención de irmandar a vila galega coa bretona. Despois da queimada os franceses insistíanlle ó alcalde que o stand-taberna tiña que estar en Francia no ano seguinte e que todas as noites había que preparar unha queimada. Os franceses pediron os nosos enderezos e nos dixeron que nos enviarían información do evento e un boletín de subscrición. Era a primeira vez que nós (os do Clube Mariño Salnés) tiñamos contacto con estas cousas, naquel verán do 99 eramos uns recen chegados e nin sequera tiñamos unha dorna.

Mañán máis.

martes, 14 de octubre de 2008

A MISTERIOSA ORIXE DA BELIDA

Este é o texto de inicio da Web da Asociación Remadoira (Bouzas-San Gregorio):
A historia do que sería nun futuro a Asociación REMADOIRA escomenzou na praia de San Gregorio en Bouzas (Vigo). Nesta praia, a uns tres metros do fondo soterrada na lama atopábase unha dorna de tope de 7,50m de eslora e 2,30 de manga. Esta é un tipo de dorna do que a primeiros do século XX se fixeron unhas sete sendo orixinaria de Cambados. Foi a derradeira mellora na construción da dorna e a primeira en desaparecer por mor de que nese tempo xa se escomenzaban a motorizar os barcos, e este tipo de embarcacións non permitían a súa motorización dun xeito doado.

Alguén nos dixo que porqué non tentábamos recuperala xa que era unha mágoa que se perderan este tipo de embarcacións. Así, dándolle voltas e voltas a esta suxerencia, escomenzou un proxecto longo e laborioso. Non foi unha laboura doada, xa que a dorna estaba en moi mal estado pero sempre mantendo a fasquía orixinaria do barco e despois de dous anos de duro e esgotador traballo, e non menos compañeirismo, conseguiuse remata-la dorna.

E-MAIL QUE EU LLE ENVIO

En relación coa dorna de Tope Belida:

Na asociación de Cambados (Clube Mariño Salnés) tamen recuperamos unha dorna de tope (A Muller De Balboas) pero o proxecto orixinal era facer unha réplica de dúas Dornas de Tope que se fixeron no carpintería-estaleiro de “Alvarito” no Pombal (Cambados).

Estas dornas foron feitas para o Sr. Rá e para o Encarnadito (aínda vivo). Caracterizábanse por ter máis puntal e ser máis veleiras que outros modelos. Os planos destas dúas dornas (tan só se fixeron estas dúas porque para os mariñeiros eran moi veleiras e de menor capacidade para o traballo) foron feitos por Egidio López Padín (modelista naval do Museo de Pontevedra no seu tempo e ademáis meu abó), e o traballo de carpinteiro por Alvarito “Lalo” (primo de meu abó). Despois de buscar por todo Cambados as pistas dos planos (esa é outra história) renunciei a continuar coa teima e falei con Pepe Garrido (Asteleiros Hijos de J.Garrido. O Grobe) para montar un tinglado dentro da FGCMF que se chama “Desafío A Tope” (a Peza de Rabo e a Lavanqueira son deste proxecto).

Algún vello de Cambados decía que unha destas dornas morrera no recheo de San Tomé e outra fora para Vigo e sabe Dios onde iría parar. A 1ª vez que vin a vosa dorna (e antes de saber que unha das dornas fora para Vigo) pensei que esa dorna tiña as características das de meu abó e lembrei todas estas cousas pero eu xa estaba noutras lideiras. Pero agora vendo a información da vosa Web penso que a vosa dorna pode ser a do taller de Alvarito de Cambados, quizás non pero sería interesante estudialo. Saúdos


CONTESTACIÓN DA REMADOIRA

Bos dias Xaquín, son Luisa, a patroa do Dragón:

Disculpa a tardanza en responderche. Coido que o mellor é que nos chames e achegaste por Vigo. Hai moitas posibilidades de que a Belida sexa unha das dornas que fixo teu abó.

Un saudo, Luisa.

ESTE VENRES SAIREMOS DE DUDAS

IMAXES DA DORNA Belida en:

www.remadoira.com/images/album/belida/base0.html

lunes, 13 de octubre de 2008

MUROS 2009

Xa sabemos oficialmente que Muros vai a albergar o IX ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA noraboa á candidatura gañadora e tamén os integrantes da candidatura de Vilagarcía. Outra vez será. Non era a primeira vez que Muros manifestaba o seu interese por albergar os Encontros. No ano 2005 con motivo da celebración do I Encontro Galiza-Eusakadi celebrado en Pasaia e organizado pola asociación Albaola, o concelleiro de cultura de Muros, convidado ó evento por un acto de irmanamento coa localidade vasca, manifestaba o interese de Muros por ser sede do Encontro do ano 2007. Finalmente esta candidatura non foi arriba, pero a idea sobrevoaba pola cabeza de moita xente de Muros, así en anos seguintes celébranse actividades relacionadas coa cultura e o patrimonio marítimo como as xornadas Muros mirando ao Mar (2006). Ben, agora xa é oficial e seguro que a travesía ate o porto de Muros dos barcos do norte e do sur vai ser espectacular. En toda caso a elección imaxino que non foi doada xa que Vilagarcía era unha "elección segura" por estar na Ría de Arousa e polos apoios manifestados (reseñable o compromiso do Concello e do Liceo feito público por Alvaro Paz, aparte claro está das asociación promotoras). Pero o caso é que os Encontros van por "primeira vez" para a Ría de Muros e así cúmprese unha máxima dos Encontros que é a divulgación e esparexar por toda a costa galega a Gran Festa da Cultura e o Patrimonio Marítimo de Galicia.
Por último felicitar ós votantes da enquisa realizada neste blog que acertáchedes ó manifestar a vosa preferencia e polo tanto vos imaxino satisfeitos.
Vémonos en Muros 2009

viernes, 10 de octubre de 2008

Hoxe por fin é venres, e imos pechar a semana como a empecei, con boas novas para os proxectos de cultura do mar de Cambados. Así o luns informaba do premio para a Web do proxecto Cambados á Beira do Mar, un proxecto coordenado dende Intramar S.L.

E agora venres, xa temos panel de información en pleno paseo marítimo de San Tomé para as actividades da Aula-Obradorio “Chasula”. Estos paneis son unha actuación do proxecto “Ruta da Cultura Marítima do Salnés dirixido pola Fundación Comarcal do Salnés e da que Intramar forma parte, así como tamén Guimatur e outras moitas entidades que traballamos nisto da “Cultura Marítima” e do “Turismo Mariñeiro” (este último concepto non moi acertado pero tamén se emprega)

Despois pecharemos a Mesa Electoral da elección da Sede Encontro 2009 e finalmente porque “hoxe é venres”, mal que lle pese a Vinicius de Moraes, elixirei persoeiro da semana.

Ruta da Cultura Marítima do Salnés

Panel Intramar-Chasula. Paseo San Tomé



Elección Sede Encotro 2009

Bueno, chegou o gran día de saber o resultado da Gran Votación-Enquisa Mundial de elección sede do Encontro 2009 gradecendo ó presidente da Mesa o riguroso traballo durante esta semana para que todo saíse correctante. En primeiro lugar comunicar con gran satisfacción que a semana de votación celebrouse con total ambiente democrático. Segundo, destacar a calidade dos votantes, neste caso o número é o de menos. Por último darlle as gracias o presidente da Mesa por facilitarnos o seguinte informe das eleccións:

  1. Con unha participación de 16 votantes, chagamos a conclusión de que polo menos 15 persoas participaron no proceso de elección, xa que un voto é meu.
  2. con unha porcentaxe que rolda o 80% dos votos, para os visitantes deste bloc a preferida para albergar ós Encontros é MUROS
  3. A segunda preferida é Vilagarcía co 16% dos votos
  4. A algún non lle gusta ningunha das dúas

Felicidades e gracias a todos os que votaron nesta enquisa, e como estamos a tan só 24 horas da designación oficial, agardo que as vosas preferencias coincidan coa decisión final. Ós que non acertáchedes, tampouco pasa nada, porque os mellores Encontros sempre son os que está por vir. A partires de mañán todos coa gañadora.

Nota do presidente da Mesa:

Tendo conta que en moi poucas ocasión se ten producido o feito de que existan dúas candidaturas para un mesmo encontro. Tan só o amago de candidatura de Vigo no ano 2001 a ser subsede con Poio. (finalmente Poio 2001), e tamén na edición do 2005 en dura pugna outra vez Vigo contra Cambados (finalmente Cambados 2005), pois ben tendo esto en conta, e que existen unha potente Web, dende este blog votouse en falla un espacio reservado para o lucimento das candidaturas, para que cada candidatura espuxera os puntos fortes, o seu caracter innovador, o equipo de traballo,... e un foro aberto onde se poidesen preguntar ou comentar cousas sobre as candidatas. Se cadra tamén se podería albergar un espacio de votación (non vinculante) pero si referencial. En fin, esta enquisa e este blog polo menos quere aportar esta idea.

Elección Sede Encotro 2009

Ben, aquí tedes o presidente da Mesa electoral. Nada máis acabar co reconto, recolleo a mesa e marchou.

PERSOEIRO DA SEMANA

Como esta semana foi moi caseira e sobre todo falei de Cambados, bou rematar con aquelo de “pois toma tres tasas”, así que a homenaxe da seman é para un mariñeiro poeta, filósofo de barba ensarillada de ventos serodios e moitas cousas máis que aquí non se deben contar.

O persoeiro é Luis “O Chiste”. mariñeiro cambadés

LUIS "O CHISTE"


Luís é mariñeiro de toda a vida, dende que naceu. Fillo de mariñeiro, pronto foi para o mar coma tantos outros. Nunca coñéceo outra profesión, nen quere. Andivo en moitos barcos, con moitas tripulación e distintas artes de pesca. Na foto anda no Sesito co rastro da vieira (pronto abrirá a campaña). Pasou momentos fodidos como presenciar a morte dun compañeiro o ano pasado ó caer o mar. Pero aínda así di que non lle da medo o mar. O medo para Luís está no baixo prezo do peixe, e que cada vez tómanse menos, e o jasoil.....joder co gasoil. Pero Luís tamén ten venres, e chejado o día, Luís limpa as escamas e arma chaqueta americana dos sesenta, peina as canas e “ajora si que si”, porque a poesía lle invade e non pode afogala nin con todas esas Heineken que papa. Todos os que o coñecemos alucinamos coa alucinante fala de Luís, pero disfrutamos, e todos os venres (ou case todos) agardamos a súa inmersión na tertulia do Bar A Traíña ó caer a noite. Hoxe seguro que nos reimos un pouco vendo o blog dende o portátil de Fonso (propietario do bar, moderador e alma water-salitrosa), saúdos a todos os “tertuliáns traiñeiros”: Pilar, Jacobo, Fonso, Regina, Paco, Chicha e Constante, Luis, Minia, Argi, ......bueno, a todos)

Dende aquí un saúdo compañeiro, que aljún día fuxa a penuria e se instale a felisidá e xa non se vaia con ningunha marea.